AFAGA naceu en 1994 grazas á iniciativa de familiares de persoas con alzhéimer, ante a falta de información e recursos existentes nese momento. Con máis de 30 anos de experiencia, conta actualmente con 1.191 persoas socias e presta apoio a 2.980 persoas a través dun equipo de 74 profesionais. É a primeira asociación de familiares de persoas con alzhéimer creada en Galicia e constitúe un referente na defensa dos dereitos e na atención social das persoas con demencia e das súas familias. A súa actividade céntrase en tres grandes áreas: a representación e defensa dos intereses das persoas afectadas ante as administracións públicas, a prestación de servizos especializados de atención e apoio ás persoas con demencia e ás súas familias, e a promoción de proxectos de innovación, investigación, cooperación internacional, loita contra o edadismo e fomento das relacións interxeracionais.