Coa finalidade de impulsar a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, os Premios de innovación en saúde prevén unha categoría de ideas presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.

V Edición. Premios de Innovación en Saúde 2025

O proxecto gañador foi “Mellora da transición cara a fase post-hospitalaria das familias con dano cerebral​”, presentado pola Asociación dano cerebral adquirido de Ourense (RENACER), que ten como obxectivo complementar a atención tras a fase de hospitalización das familias que sufriron unha situación tan adversa como a que constitúe un episodio de dano cerebral.

O segundo premio foi para a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), que presentou o proxecto “The Mind Guardian”, unha aplicación que permite, de maneira áxil, o cribado de sinais de deterioro cognitivo xa que o diagnóstico precoz é un elemento crave na abordaxe deste tipo de enfermidades.

IV Edición. Premios de Innovación en Saúde 2024

A proposta gañadora foi a presentada por Alberto Ruibal Ojea “Asistente Crohn: teu aliado na túa loita diaria”, que ten como obxectivo adquirir unha maior capacidade de autoxestión e autocoñecemento das persoas que padecen a enfermidade de Crohn. O encargado de recoller o galardón foi o propio autor do proxecto.

O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu sobre o proxecto “Programa de facilitación ó acceso á consulta xinecolóxica para mulleres con TEA​”, presentado por ASPANAES, cuxa finalidade é favorecer que as mulleres cun trastorno do espectro autista podan acceder ao coidado e vixilancia xinecolóxica igual que o resto das mulleres da sociedade. Recolleu o premio o seu presidente, Ignacio Labella Lozano.

III Edición. Premios de Innovación en Saúde 2022

A gañadora foi a proposta presentada pola Fundación Galega de Dano Cerebral FEGADACE “A Saúde Oral, garantía do benestar das persoas con Dano Cerebral Adquirido”, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con DCA, potenciando un correcto mantemento da saúde oral. O encargado de recoller o galardón foi o presidente da Fundación, Luciano Fernández Pintor.

O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu sobre o proxecto “Alimentación texturizada”, presentado pola Asociación de pais de persoas con parálise cerebral- ASPACE CORUÑA, cuxa finalidade é favorecer que as persoas con disfaxia poidan ter unha alimentación máis completa, ao incluír alimentos que antes non podían inxerir por ser pouco seguros para elas. Recolleu o premio a súa presidenta, Carmen Barreiro Santos.

II Edición. Premios de Innovación en Saúde 2020

O proxecto galardoado nesta segunda edición foi “Telemedicina en tempos de COVID, durante e post COVID”, presentado pola Asociación Galega de Fibrose Quística. Esta candidatura busca instalar un sistema de telemedicina con monitorización telemática, recollida de mostras e envío de medicación ás persoas con Fibrose Quística; coa intención de posibilitar a mellora do benestar físico e emocional destes pacientes, ao tempo que se garante a calidade asistencial sanitaria e o seu seguimento.

I Edición. Premios de Innovación en Saúde 2020

O proxecto galardoado foi presentado por Andrés Núñez Gonzalez, quen desde a área sanitaria de Santiago, propuxo a creación dunha unidade multidisciplinar de formación e capacitación nos coidados e atención de nenos con doenzas graves, e na que os pais e nais destes menores, tras seren formados polo persoal da Unidade Pediátrica de Crónicos Paliativos, pasarían a ser posteriormente formadores dos seguintes pais.​

Plataforma de Innovación Sanitaria

Unha canle da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde xestionado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde para transformar o sistema coa implantación dun modelo de innovación aberta e de enfoque social